A avoa de Gael padecía a "enfermidade do alemán".
En moitas ocasións ficaba ríxida sen poder moverse do sofá. Tapada cunha colcha de lá que ela mesma fixera con 16 anos. Pasaba moitas tardes cos ollos fixos na xanela e o corpo inmovil.
A familia levaba con resignación a enfermidade pero Gael non era consciente de que avoa estaba maliña e xogaba como se nada ocorrera.
Entraba como un furacán correndo pola porta, botando a pelota, lanzandoa contra a parede.
Saltaba polas sillas, reboleaba polo sofá, poñíase a bailar ou andaba a perseguir os gatos ata que se decataba da presencia da avoa.
Entón achegábaselle, sentabase no colo, dáballe un agarimoso abrazo e un bico na meixela.
Os maiores dicíanlle que a deixara tranquila, que non a molestara pero a Gael gustáballe falar coa súa avoa.
Falar coa avoa era guai pois nunca lle dicía aquelo de :" ten coidado", " Non subas ós arbores que vas caer", "Lavaches as mans? e a cara?"
Realmente a avoa nunca lle dicía nada...
Por veces os maiores re-insistían en que a deixara tranquila argumentando que non podía escoitalo.
Gael sabía que non era certo pero nunca dixo nada.
Cando Gael sentabase coa avóa a falarlle, cando dende o colo lle susurraba as súas últimas peripecias abrazadiño a ela , sempre despois de darlle un bico, a avoa choraba...